domingo, 26 de maio de 2024

A CASA NATAL DE SARMIENTO

 

Aspecto da Casa Natal de Sarmiento pouco antes de ser derruída

Inauguración da placa e arranxo da fachada en 1995 no 300 aniversario do nacemento de Sarmiento en Vilafranca do Bierzo



Detalle da fachada nos anos 90 antes de ser adecentada 

Detalle da antiga placa colocada nos anos 60 na fachada da Casa Natal de Sarmiento


A foto que usamos como ilustración permanente de fondo do blog tamén corresponde á Casa Natal de Martín Sarmiento en Vilafranca do Bierzo. Trátase dunha foto do fotógrafo galaico-berciano Xurxo Lobato para un traballo expositivo do Consello da Cultura Galega  titulado "Frei Martín Sarmiento e a Galicia do seu tempo" (1995) con textos de X. Filgueira Valverde. A Comisión Cultural Martín Sarmiento agradece publicamente poder facer uso desta magnífica fotografía. 

sábado, 25 de maio de 2024

A COMISIÓN CULTURAL MARTÍN SARMIENTO



Acto de homenaxe a Martín Sarmiento, charla de Xesús Alonso Montero no Teatro de Vilafranca 1995

Precedentes 

En 1995 con motivo do 300 aniversario do nacemento de Martín Sarmiento houbo varios actos institucionais en Vilafranca do Bierzo, pero houbo un que organizou en concreto a  Asociación Cultural Escola de Gaitas desta vila que homenaxeu ao ilustrado dedicándolle as III Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo celebradas en 16 de setembro no Teatro e a Memoria escrita que se publicaría posteriormente.


O nacemento da Comisión

A Comisión Cultural Martín Sarmiento naceu como unha plataforma de asociaciois impulsada pola Escola de Gaitas de Vilafranca coa intención de divulgar e difundir a figura, a obra e o modus operandi do erudito na súa vila natal e na comarca do Bierzo. Nacía no vrau do 2001 ao ser anunciado que o Día das Letras Galegas do ano seguinte a Academia Galega homenaxearía ao Padre Sarmiento.

 

Os seus obxectivos

Renderlle unha nova homenaxe a Sarmiento, natural de Vilafranca do Bierzo, manifestando a nosa intención de sumarnos a celebración no ano 2002 das LETRAS GALEGAS, ano no que ía ser homenaxeado en toda Galicia.

Solicitar da Real Academia Galega a nosa intención de albergar os actos do 17 de maio.

Solicitar da Xunta de Galicia e a Junta de Castela y León a sinatura dun convenio para a reconstrución da Casa Natal de Martín Sarmiento en Vilafranca como centro das Artes e a Cultura no Camiño a Compostela e Centro de Divulgación da obra do erudito.

Pór en marcha iniciativas que permitan colocar o noso patrimonio histórico-artístico, cultural e natural en relación directa coa polifacética obra de Martín Sarmiento para asentar unha oferta cultural atractiva incorporando de forma efectiva a vida, obra e pensamento do ilustrado como baluarte do noso conxunto patrimonial.



As primeiras actividades desenvolvidas

En primeiro lugar, a Comisión ocupouse de que no Día das Letras do 2002 houbese unha presenza institucional en Vilafranca para o que se iniciaron unha serie de xestiois coa Alcaldía e coa propia Academia que chegaron a bo porto pois o 18 de maio, por vez primeira na súa historia, realizouse un plenario da Academia Galega no Teatro de Vilafranca do Bierzo, a segunda sesión de homenaxe ao ilustrado galego-berciano que tivera o seu principio en Pontevedra o día anterior.


A Comisión Cultural realizou actividades ao longo dese ano Sarmiento e acordou seguir realizándoas anualmente arredor do 9 de marzo, data do seu nacemento.

 

Á vez fíxose un seguimento ao asunto da rehabilitación da CASA NATAL  que polo de agora vén sendo o apartado con resultados máis negativos denominada SARMIENTO E O CAMIÑO que traballa a dimensión das viaxes e o patrimonio histórico-artístico e que a pesar de lograr apoios significativos, como o do Consello da Cultura Galega, non acadou o seu principal obxectivo, o da creación dese centro cultural na casa natal de Sarmiento (podes saber máis noutra sección específica neste blog).

 

Xurdiron pola contra noutros ámbitos iniciativas que se van consolidando e teñen transcendencia.  A Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo que forma parte parte constituínte da denominada COMISIÓN CULTURAL SARMIENTO, presentou no 2002 dous proxectos relacionados directamente e dun xeito moi práctico coa promoción e fomento do uso do galego no Bierzo:

 

SARMIENTO E A LINGUA NO BIERZO

A filosofía que move dito proxecto procura a consolidación e facer medrar o uso do galego no Bierzo. A Escola organizara nos anos 90 as denominadas Xornadas da Cultura e Lingua galegas no Bierzo (podes ver algunha información cartel sarmientocomplementaria na seguinte ligazón web) antes da introdución do galego nos centros de Ensino. Dende a Comisión Cultural se lles deu continuidade e como desde o 2001 xa había aulas de galego se incorporaron novas propostas como os denominados Intercambios escolares Martín Sarmiento  que de xeito anual se veñen realizando á par das Xornadas Martín Sarmiento.

 

SARMIENTO: ESCOLA, NATUREZA E LINGUA

O desenvolvemento dunha Aula da Natureza Martín Sarmiento foi unha iniciativa que ía ao encontro da recuperación  do Museo de Ciencias Naturais dos Padres Paúis en Vilafranca promovendo un convenio de cesión ao Concello de Vilafranca para facer factible dita recuperación. Recentemente coa creación da Asociación Burval, principal dinamizadora do Museo, se vén colaborando con ela para promover a rehabilitación e a incorporación de proxectos relacionados con Sarmiento.

 

 Un dos logros máis recentes da Comisión Cultural foi consolidar as Xornadas Martín Sarmiento como actividade máis representativa desta Comisión Cultural e ocupar un destacado papel na defensa e mellora do Programa de Promoción do Galego nos centros de ensino do Bierzo para o que se celebra o Día do Galego nos centros escolares ou do Programa do Galego no Bierzo dende o ano 2014.

 Podedes consultar as diversas entradas sobre estas actividades e traballos realizados nestes anos principalmente no blog BierzoCultura (antes colgados no blog O mego da Escola creado pola propia Comisión no 2008 para difundir pola rede as súas iniciativas que este ano 2024 estamos remodelando).

AS XORNADAS MARTÍN SARMIENTO 2005-2015

AS XORNADAS MARTÍN SARMIENTO COMEZAN OUTRA ETAPA (2016-2019)

AS XORNADAS MARTÍN SARMIENTO A PESAR DO CONFINAMENTO (2020-2021)

AS XIV XORNADAS MARTÍN SARMIENTO (2022)

AS XV XORNADAS MARTÍN SARMIENTO (2023)






mércores, 22 de maio de 2024

SARMIENTO DESCÓBRENOS A MUIÑEIRA


A referencia máis antiga á muiñeira aparece nun texto de frei Martín Sarmiento en 1745 e a primeira con notación musical é de 1786.

  Alá no moíño

cantarás cos nenos

esas moiñeiras,

 que aquí non ten xeito.

       

Esta é a cita na que Martín Sarmiento no Coloquio en mil duascentas coplas galegas nos fala das moiñeiras, a referencia documental máis antiga da que dispoñemos. No século XVII circulaba pola Península Ibérica un baile coñecido como 'gaita galega', que sería o antecedente da muiñeira. Un traballo de Julio Alonso Monteagudo revela estas e outras curiosidades dignas de mención.

Podes ver unha entrevista co investigador no seguinte enlace do programa ZIG ZAG da CRTVG

venres, 15 de marzo de 2024

CRÓNICA DAS XVI XORNADAS MARTÍN SARMIENTO

 

9 de marzo de 2024, ás 19,30. Teatro Enrique Gil 

en Vilafranca do Bierzo

PRESENTACIÓN DO DICIONARIO DO GALEGO DO BIERZO

Tras recordar que un 9 de marzo de hai 329 años nacía na nosa vila O Pai das Letras Galegas e unhas breves palabras de benvida a Sara Rodríguez Fernández e a súa publicación, o alcalde de Vilafranca, celebrou esta novidade para comezar o acto facendo uso na parte final da súa alocución da lingua galega.

Acompañaban á autora Marisa Cela da Asociación Escola de Gaitas e Raúl Ochoa do Fiandón berciano, ademais de Héctor Silveiro como coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento que organizaba estas Xornadas coa colaboración das xa citadas asociaciois. Entre o numeroso público asistente concelleiros do Concello de Corullón eVilafranca. Ao longo do acto proxectáronse varios audiovisuais con textos de Juan Carlos Mestre realizados por Robés.  

As distintas intervenciois fixeron fincapé na importancia da recolleita das palabras que este dicionario reúne como referente substancial da identidade berciana, palabras que viviron na oralidade ata que Sarmiento dalgún xeito iniciara ao seu paso polo Bierzo no ano 1745 a súa recolleita consciente. Palabras que serviron para que Morales escribira os seus Ensayos en dialecto berciano en 1861 cuxos Premios escolares se entregan nas propias Xornadas e que autores máis recientes como González -Alegre, Aquilino Poncelas e JC Mestre seguen usando.  Falouse da tradicion oral, das dificultades que se van vencendo para que a xente nova faga uso desta parte da nosa cultura que, agora, este dicionario contribúe a afortalar como garantía do futuro para o galego do Bierzo. 

Sara Rodríguez, a autora explicou a xénese do seu traballo, a importancia da súa familia na súa toma de conciencia e
relación coa lingua, do seu paso polas aulas do Programa de Promoción do Galego en Cacabelos, da asistencia ás Xornadas Sarmiento como alumna e, finalmente, como se concretau o proxecto para o seu traballo de fin de grao en Vigo (TFG) coa colaboración de Alberto Lugrís e de X.H. Costas do Departamento de Galego da Universidade de Vigo que editou o Dicionario cun total de 15.000. Sara rematou anunciando unha iniciativa para seguir ampliando o Dicionario. Trátase do Mego das palabras do galego do Bierzo, unha metáfora da recolleita que se pretende realizar coa colaboración tanto do alumnado e docentes do Programa de Galego como das entidades e persoas que queiran achegar as palabras a través de distintos soportes: un correo electrónico e unha páxina web. Ademais Sara abriu unha conta de instagram para dinamizar este proceso.

 











Sara Rodríguez asinando exemplares


Tras do evento algo de música.




12 de marzo de 2024 ás 9,30 Cine Faba

 en Cacabelos

SESIÓN CO ALUMNADO DE SECUNDARIA

PRESENTACIÓN DAS PROPOSTAS DIDÁCTICAS

                                                                 PARA O DICIONARIO DO GALEGO DO BIERZO.

A Comisión Cultural Martín Sarmiento e Sara Rodríguez presentaron a proposta-reto da recolleita de 1000 palabras máis para o Galego do Bierzo, o Mego das Palabras, unha ampliación do Dicionario que se pretende realizar ao longo deste ano 2024 coa idea de que na celebración das próximas Xornadas se supere ese número de mil novas entradas que vaia fornecendo unha segunda edición do mesmo. Tras da presentación do Dicionario e a iniciativa estableceuse un diálogo cos docentes e alumnos/as de Secundaria presentes para estabecer unhas primeras estratexias de como abordar esta empresa. 




Alumnado e profesorado de Secundaria do Programa de Promoción nas portas do Cine Faba

                             




SESIÓN CO ALUMNADO DE  PRIMARIA



IV PREMIOS MORALES PARA A



                                                              PROMOCIÓN DA LINGUA GALEGA NO BIERZO 2024

Ante o alumnado de Primaria procedente de 11 centros de distintos puntos do Bierzo, todos eles alumnos/as que cursan o Programa de Galego do Bierzo, as autoridades presentes puxeron en valor as actividades a prol da lingua galega no mundo do ensino e deron os parabéns aos gañadores antes de facer entrega dos IV Premios Morales. 

Interviñeron os tres concellos colaboradores: Cacabelos, Corullón e Vilafranca, as entidades culturalis do Instituto de Estudios Bercianos eo Instituto Leonés de Cultura, ademais de Francisco Javier López Inspector de Educación Provincial de Léon do Programa de Promoción do Galego, Olegario Ramón o Presidente do Consello Comarcal e Valentín García o Secretario General de Política Lingüística da Xunta de Galicia.






ACTUACIÓN DE PACO NOGUEIRAS: C@NTO CONTIGO

A seguir o Cine Faba encheuse cos sons e as canciois de Paco Nogueiras que desenvolveu os temas da súa actual xira denominada Canto contigo. Os centos de rapaces e rapazas acompañados dose das docentes bailaron e cantaron eilí reunidos para celebrar deste xeito lúdico e festivo o Día do Galego do Bierzo. 


MESA DE TRABALLO: AS ARELAS DE SARMIENTO 

Nas salas do Museo MARCA de Cacabelos.  



TEMAS TRATADOS

- Convocatorias das XVII Xornadas Martín Sarmiento e da Vª edición dos Premios Morales.
          - Recuperación e xeolocalización da Toponimia berciana.


          - Decálogo de solicitudes ás autoridades educativas sobre o Programa de Promoción do Galego do Bierzo.

Medios e redes

martes, 5 de marzo de 2024

O DICIONARIO E OS PREMIOS MORALES AS DÚAS CARAS DO DÍA DO GALEGO DO BIERZO

 



9 e 12 DE MARZO 2024, AS XVI XORNADAS MARTÍN SARMIENTO.

 

O DICIONARIO DA GALEGO DO BIERZO E OS PREMIOS MORALES AS DÚAS CARAS

PARA O DíA DO GALEGO DO BIERZO 2024

A celebración no Bierzo do 9 de marzo é consecuencia dun proceso que comezou na última década do século XX (as Xornadas da Lingua e Cultura Galegas no Bierzo dos anos 91,92,93 e 94) que atoparon continuidade  a partir da homenaxe que Martín Sarmiento tivo no 2002, ano no que a Academia Galega escolleu para honrar ao sabio ilustrado co Día das Letras Galegas. Para evitar confusiois e significar esta data a Comisión Cultural Martín Sarmiento de Vilafranca do Bierzo, sendo a súa organizadora, decidiu apostar polo día 9 de marzo, día do natalicio de Pedro José García Balboa nesta vila, como a data ideal para a realización anual das denominadas Xornadas Martín Sarmiento na procura dunha continuidade do conxunto de iniciativas que arredor da obra e o modus opperandi do frade bieito se puxeron en marcha co cambio do milenio coa lingua galega como protagonista.  Tamén desde o curso 2001-2002  se comezou a implantar o Programa de Promoción do Galego  nalgúns centros de ensino na comarca e a Comisión Cultural Martín Sarmiento produto dos actos escolares neses centros de ensino da comarca (nos que incluímos tamén a Escola de Idiomas de Ponferrada) fraguamos a incorporación da denominación do Día do Galego no Bierzo para este día.

 O ano 2023 as Xornadas Martín Sarmiento retoman o seu formato habitual despois da pandemia e, ademais das actividades lúdico-festivas,  fixemos coincidir por primeira vez coa entrega dos Premios Antonio Fernández Morales (tamén de carácter escolar), como un elemento relevante destes actos con centos de escolares bercianos de distintos niveis para conmemorar a data. Ligamos así esta celebración ao autor que viviu e está soterrado en Cacabelos, coñecido por ter publicado en 1861 máis de 8000 versos no galego oriental baixo o título de Ensayos poéticos en dialecto berciano.

 Por que esta insistencia no mundo do ensino? Pois por unha razón moi sinxela, a ensinanza atópase na vangarda da reivindicación da lingua no Bierzo desde o 2002, tras dunha longa demanda da sociedade civil, ano no que comeza a funcionar na comarca o Programa de Promoción do Galego no Bierzo e grazas a un acordo asinado polas autoridades educativas da Xunta de Galicia e da Junta de Castilla y León e como consecuencia, e do logro, de incluír no Estatuto de Autonomía castelán-leonés a protección do galego nos territorios galegofalantes.

O desenvolvemento deste programa, voluntario e tímido, de introdución que xa leva 22 anos nas aulas dalguis centros do Bierzo e, soubo sumar mesmo un centro da Seabra de Zamora e consolidar unha matrícula que supera os mil alumnos/as, síntoma do éxito que supuxo e da boa acollida que ten entre as familias, pero pola contra ten que soportar unha morea de obstáculos e despropósitos por parte das administraciois educativas que acordaran a posta en marcha do Programa, singularmente a que resulta ser a súa última responsable, a Junta de Castilla y León. O curso pasado, en concreto, e o comezo do presente non foron a este respecto nada exemplares e son unha mostra evidente da precariedade na que subsiste ademais dunha clara evidencia da necesidade dunha reforma que o normalice e asente no currículum escolar que se oferta.  

Outramente debemos subliñar que este ano 2024, unha berciana que cursou o Programa de Promoción do Galego, que ao seu paso polo instituto participou activamente nas Xornadas Martín Sarmiento veu a reconfortarnos e evidenciar a importancia destas iniciativas a prol da lingua. Sara Rodríguez Fernández acaba de presentar o primeiro Dicionario do Galego do Bierzo que editou a Universidade de Vigo como fruito do seu traballo fin de grau (TFG), un dicionario de 15.000 entradas do léxico galego berciano. Esta alegría inmensa permite, por un lado, presaxiar un futuro mellor para os amantes da lingua e, á vez, reforzar o noso compromiso coa superación dos atrancos actuais procurando seguir dando pasos cara adiante na consolidación dos ámbitos tradicionais do seu uso e a creación de novos espazos para o galego do Bierzo.       

É por todo o dito polo que esta nova edición das Xornadas, a décimo sexta, terá tres obxectivos centrais que abordar. En primeiro lugar e de xeito destacado, presentar o Dicionario do Galego do Bierzo,  desenvolvendo, a partir desta ferramenta tan útil que nos proporciona Sara, propostas didácticas que fagan partícipes deste traballo de recolleita da memoria viva da lingua ao conxunto a docentes e alumnado do Programa do Galego do Bierzo, procurando o contaxio dun número cada vez maior de Bercianos e bercianas neste proceso de recuperación da nosa identidade.  En segundo lugar, reclamar a reforma do Programa de Galego do Bierzo de cara á mellora e ampliación do mesmo co obxectivo de consolidar os estudos desta lingua propia desta nosa comarca. Finalmente, manifestar a nosa intención de seguir ofrecendo un programa renovado de iniciativas e de experiencias ao redor destas Xornadas, dos Premios Morales e desta data do Día do Galego do Bierzo. 

As XVI Xornadas Martín Sarmiento terán, pois, dúas datas e dous lugares de referencia. O sábado 9 de marzo celebraremos por todo o alto o día do nacemento do Pai das Letras Galegas  na súa vila natal cun acto no Teatro de Vilafranca no que se presentará o Dicionario do Galego do Bierzo de Sara Rodríguez, un traballo que dalgún xeito comezara o propio Sarmiento na súa viaxe a Galicia no 1645 no que comeza recollendo un bon número de palabras e acepciois nestas terras bercianas. Debemos a edición do mesmo ao Departamento de Galego da Universidade de Vigo.  Mellor homenaxe seguramente non poderá ter o noso ilustrado bieito.  

A outra data, o martes 12 de marzo, tamén terá como centro de interese o Dicionario, neste caso para desenvolver unha serie de experiencias didácticas tanto de coñecemento da nosa riqueza léxica, recollida xa por Sara Rodríguez, como á vez a proposta de participación no proceso de ampliación do número de entradas do Dicionario no que se pretende implicar a docentes e alumnado do galego en primeiro termo.

Ademais este día 12 de marzo no que os actos se realizarán en Cacabelos, farase entrega dos Premios Morales para a Promoción da Lingua Galega do Bierzo que celebra xa a súa IV edición nun acto lúdico subvencionado pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia no que estarán presentes centos de escolares do Programa de Promoción Galego do Bierzo que se imparte en 4 institutos, e 11 centros da comarca de educación primaria.

Non deixaremos de aproveitar a presenza dunha serie de autoridades da Xunta de Galicia e da Junta de Castilla y Léon para, no transcurso dunha reunión de traballo, trasladarlles as nosas reclamaciois e intentar concretar con elas, que conforman a Comisión de Seguimento do Programa de Promoción do Galego no Bierzo,  á vez outras propostas que pretendemos poñer en marcha co apoio da  Real Academia Galega, do Consello Comarcal e outras entidades bercianas dándolle continuidade ao Decálogo Novos Espazos para o Galego no Bierzo.

 

Héctor M. Silveiro Fernández, coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento de Vilafranca do Bierzo e membro correspondente da RAG polo Bierzo.

No Bierzo Diario

domingo, 3 de marzo de 2024

AS XVI XORNADAS MARTÍN SARMIENTO


 

AS XVI XORNADAS SARMIENTO EN VILAFRANCA

PRESENTACIÓN DO DICIONARIO DO GALEGO DO BIERZO

O próximo sábado 9 de marzo en Vilafranca do Bierzo celebramos o inicio da décimo sexta edición das Xornadas Martín Sarmiento cunha actividade moi especial: A PRESENTACIÓN DO DICIONARIO DO GALEGO NO BIERZO de Sara Rodríguez Fernández,  o primeiro dicionario que seguindo os pasos do pai das Letras Galegas, resulta ser todo un fito para a historia desta lingua na nosa comarca. A edición foi realizada pola Universidade  de Vigo. O acto terá lugar no Teatro  “Enrique Gil” ás 19,30 horas para o que contaremos coa presenza da propia autora deste traballo lexicográfico que rexistra 15.000 entradas. Ademais este dicionario, memoria viva da lingua galega do Bierzo, será o centro de interese das actividades escolares de Secundaria nestas Xornadas.

  

ENTREGA E NOVA CONVOCATORIA DOS

PREMIOS MORALES EN CACABELOS 

O martes 12 de marzo en Cacabelos celebraremos o Día do Galego nos Centros Docentes do Bierzo. Este edición os alumnos/as reunidos desenvolverán unha actividade ao redor do Dicionario do Galego do Bierzo, como ferramenta didáctica e garantía de futuro da lingua na comarca. Ademais de promocionar o PREMIO MORALES que teñen como lema este curso O San Roque en Paradela”.  Antonio Fernández Morales, autor ligado a esta vila berciana onde viviu e está soterrado, é o cantor por excelencia do galego do Bierzo.  Os intercambios didácticos e lúdicos das Xornadas para alumnos/as do Programa de Galego vidos de distintos centros de ensino de todo o Bierzo presumen de cultura e identidade. Temos a certeza de que máis aló das aulas este sentimento estámosllo a contaxiar a outros sectores da sociedade berciana que perciben que vai sendo hora de mellorar o acordo de Promoción da Lingua Galega que leva 22 anos aplicándose e reclama maior atención e un novo pulo.

Os actos levaranse a cabo no Cine Faba no que se realizará a entrega de premios, presentación de novas secciois da web: OGALEGONOBIERZO.ORG e a convocatoria da Vª edición dos Premio Morales 2025.

A Comisión Cultural “Martín Sarmiento” de Vilafranca, os centros docentes do Programa do Galego na comarca, a Real Academia Galega, as autoridades educativas autonómicas, entes culturais como O Fiandón Berciano e o Instituto de Estudios Bercianos, alcaldes do Bierzo e o seu Consello Comarcal manterán un encontro de traballo de cara a programar outras iniciativas coa fin de seguir abrindo novos espazos para o galego no Bierzo.

 

Sábado 9 de marzo 2024, ás 19,30 horas 

no Teatro “Enrique Gil” de Vilafranca

  

PRESENTACIÓN DO 

DICIONARIO DO GALEGO DO BIERZO

Coa presenza da autora, a berciana Sara Rodríguez Fernández,

acompañada de Marisa Cela da Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafranca, Raúl Ochoa do Filandón berciano e Héctor Silveiro da Comisión Cultural Martín Sarmiento.

 


Martes 12 de marzo, a partir das 9,30  no Cine Faba en Cacabelos

 1.ª SESIÓN MATINAL :  

9,30   APERTURA DO INTERCAMBIO DE SECUNDARIA:  O DICONARIO DO GALEGO DO BIERZO MEMORIA VIVA E GARANTÍA DE FUTURO DA LINGUA GALEGA NA COMARCA. Baixo a dirección da súa autora Sara Rodríguez e a proposta da Comisión Cultural Martín Sarmiento porase en marcha unha proposta didáctica dirixida aos docentes e alumnado do galego do Bierzo de Secundaria coa idea de difundir os contidos deste Dicionario e ampliar nun futuro próximo o número de entradas desta primeira edición. Participarán tamén nesta experiencia outras entidades bercianas interesadas.  Asistirán os alumnos/as do Programa de Galego de SECUNDARIA dos centros:  

IES Padre Sarmiento (Vilafranca)        

IES Bergidum Flavium (Cacabelos)

IES Europa (Ponferrada)

          IES Virgen de la Encina. (Ponferrada)

           Alumnos/a de Galego da EOI de Ponferrada.

 

2.ª SESIÓN MATINAL : CINE FABA

11,30         APERTURA DA SESIÓN DE PRIMARIA:


  ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS DA IV EDICIÓN 

ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS DA IV EDICIÓN DOS PREMIOS ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES

 


Intervirán as entidades e autoridades organizadoras desta IV Edición que ademais de facer entrega dos premios  presentarán as novas secciois da WEB: OGALEGONOBIERZO.ORG e anunciarán a convocatoria da V edición dos Premios Morales.

 A CONVOCATORIA DA Vª EDICIÓN DOS PREMIOS MORALES  PARA A PROMOCIÓN DA LINGUA GALEGA NO BIERZO E SANABRIA, impulsados polo Grupo As Médulas para a lingua e cultura galegas no Bierzo coa colaboración das autoridades e entes que tamén contribúen á posta en marcha das presentes Xornadas.

 

12,00: ACTUACIÓN PARA O ALUMNADO DE PRIMARIA:

Actuación musical de PACO NOGUEIRAS co espectáculo C@nto contigo subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. Asisten alumnos/as dos centros de PRIMARIA de:

CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca,

CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos,

CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada,

CEIP Compostilla de Ponferrada,

CEIP Jesús Maestro de Ponferrada,

CEIP San Ildefonso  de Camponaraia,

CEIP Virgen del Carmen de Ponferrada,

CEIP Toral de Meraio,

CEIP M.L.Ucieda de Toural dos Vados,

CRA Carucedo,      

CRA Cubillos do Sil,

CRA Ximena Muñiz de Corullón,

CRA Ponte de Domingo Flórez

 

 MESA DE TRABALLO


16,30 h.  CACABELOS

     (Salón de actos do MARCA)

1º CONVOCATORIA DA Vª EDICIÓN DOS PREMIOS MORALES  PARA A PROMOCIÓN DA LINGUA GALEGA NO BIERZO E SANABRIA. Impulsados polo Grupo As Médulas para a lingua e cultura galegas no Bierzo coa colaboración das autoridades e entes que tamén contribúen á posta en marcha das presentes Xornadas.

 

2º PROPOSTAS DA COMISIÓN CULTURAL MARTÍN SARMIENTO. Trátase dun encontro de docentes, autoridades educativas, Real Academia Galega, administraciois e asociaciois culturais bercianas para realizar un seguimento das actividades levadas a cabo e concretar novos compromisos coa lingua galega no Bierzo, entre outros a elaboración do borrador dun convenio de colaboración entre a Real Academia Galega e o Consello Comarcal  e outras entidades culturais do Bierzo.



Entidades que organizan e colaboran:



SARMIENTO como pioneiro na recolleita da nosa tradición oral

Acto do Día das Letras 2025 no que cantaron As Tanxugueiras   En Galicia as mulleres non son soamente poetas senón músicas naturais. En Cast...