sábado, 21 de novembro de 2026

O ARRAIANO FERRÍN E VILAFRANCA. In memoriam.

 

Para Ferrín Vilafranca, en gran medida, era en esencia o Bierzo. Onte no seu velorio un ramo cumprido de caraveis vermellos vido desde a vila natal de Sarmiento ata Vigo, pousou a carón dunha coroa de flores brancas do Faro de Vigo, o xornal que albergou muitas das súas crónicas e lembraba ao Bierzo ao pé do cadaleito do enorme autor que tantas veces, sempre cun compromiso firme,  nos visitou con agarimo.  Onte, como non, viñeron á nosa memoria as crónicas agarimosas e entusiastas da viaxe ao Bierzo daquel 28 de decembro do ano 1996. Só un escritor maxistral como Ferro (así o nomean con cariño os seus amigos), é capaz de verter o seu saber en poucas palabras cheas de xenerosas certezas sentenciosas e eruditas coma estas que alguén dixera: “Galicia é en si mesma un arriscado problema fronteirizo”, porque para el “se o Bierzo existe, cousa que teñen que decidir maioritariamente os bercianos, haberá que concederlle unha entidade binacional, bicultural; ou mesmo un estatuto de pluralidade se se ten en conta que o Bierzo non galego case xa non é leonés e está profundamente castelanizado”. Por suposto que para el o Bierzo, en parte, era  Galicia. “Sentimos a muiñeira cantar ao compás do rumor do Burbia”.


Sempre nas súas categóricas afirmaciois, consciente da importancia do tema, procuraba a comuñón cos bercianos. Aquel ano 96 ademais dos gaiteiros da Escola de Gaitas, sen deixar de saborear con pracer nun día frío un bon botelo, acompañado daquel vello viño Padorniña na rúa de Arén, soubo “arrincar” de Toño Balboa, historiador cacabelense e amigo, nunha especie de contubernio singularmente significativo e transcendente un pacto para a publicación dos Cartularios do mosteiro berciano de Carracedo, un dos piares máis contundentes e sólidos da presenza do galego escrito a partir do século XIII nestas terras e a edición crítica dos Ensayos poéticos en dialecto berciano de Antonio Fernández Morales para situalos no posto de honra que lle pertence na historia da literatura galega do XIX.  Ambos proxectos viron a luz para ledicia de propios e estraños. Os Cartularios en dous tomos editados no 1997 e 1999 e os 8000 versos de Morales no ano 2003. 


  Do carácter integrador e xeneroso, da concomitancia cos bercianos de Ferrín xa uns anos antes lembraba aló polo ano 90 as palabras do poeta e narrador vilafranquino Antonio Pereira: “Na ferretería do meu pai, en Vilafranca, aprendín o galego cando os labregos enchían as rúas o día de feira co rumor dos zocos” para reivindicar coa firmeza que o definía que na actual provincia de León, e en territorios do belísimo val que sempre coñecemos e coñeceremos como Bierzo, existen amplos territorios e miles de persoas que falan galego. Que falan galego, con moita frecuencia, envergoñándose de falar galego: talmente  como se de galegos que de aquén da raia administrativa se tratase. Que son herdeiros da mesma cultura agraria ancestral que os galegos colindantes polo Oeste das provincias de Lugo e Ourense.  


Fagamos memoria nosoutros agora da súa presenza como disertador aló polo mes de maio do 2002, na cerimonia na honra do Pai das Letras, nado na Rúa da Auga, perto do Socubo en Vilafranca, ao pé do Burbia, na primavera de 1695. Perucho, de pai pontevedrés, pero seguramente de mai berciana, tomara boa nota da vergoña (esa mesma que Ferrín dixo sentían bercianos e galegos de hoxe) e quixo desterrar dos prexuízos que sufría a lingua que mamara xa daquela. O estudo e intervención memorables sobre O Coloquio, a obra literaria de Sarmiento, no Teatro da nosa vila ante o plenario da Academia Galega e o mesmo presidente da Xunta,  principiaba dicindo, de novo coa súa sinalada concorrencia e empatía: 

Gustaría de adicar estas cativas palabras a unha muller, Marisa Cela, en quen abrazo todas as mulleres e varóns que ao longo dos séculos foron conservando con fidelidade o noso idioma no amado País do Bierzo.  

Sorprendeunos tanto o cariño como a destreza que amosou neste traballo tan aguzado, acertado e preciso, lectura que recomendamos efusivamente como referencial que é á hora de achegarse á figura do frade bieito galaico-berciano. 


Na prensa escrita, ese mesmo ano no Faro de Vigo, Ferrín afirmara con ironía e contundencia, consciente da polémica lonxeva que arredor do lugar de nacemento de Sarmiento existía, “supoño eu que Sarmiento non nacería no Bierzo por azar”. Contrariaba así criticamente tantas e tantas ocasiois nas que investigadores e estudosos insistían no azaroso e ata fortuíto lugar do nacemento do erudito.  Pero as atinadas palabras de Ferrín continuaban logo argumentando: 

O apelido materno de Balboa, é moito da onomástica do País, onde existe o concello de Balboa. Realmente, a aldea da nai, Dona Clara Balboa (Perros, freguesía de Pascais, Terra de Samos) áchase máis ou menos na segunda noitada do Camiño de Santiago, a seguir de Vilafranca. E de ser certo, como parece, que os pais de Sarmiento casaron na vila na que se vai xuntar a nosa Academia, paréceme cousa rara que a proxenitora do homenaxeado non tivese familia moi próxima radicada no Bierzo Occidental.   

Afortunadamente, a falta da acta bautismal desaparecida, en 2018 para corroborar as algo máis que claras intuiciois do noso autor, apareceron documentos que certifican a Vilafranca como vila natal de Martín Sarmiento.


Nunha crónica periodística recuperada polo tamén galaico berciano de Lago de Carucedo, Paco Macías, nunha vívida e intensa selección de textos de autoría ferriniana, podemos viaxar da súa mao polas terras arraianas da eterna Gallaecia. Nunha delas o noso querido Ferro deixou dito con certa euforia:

 Por primeira vez na nosa historia a Corporación que presidira Murguía e que foi fundada para defensa da nosa lingua sae da Coruña para se constituír fóra da liña administrativa dalgunha das provincias debuxadas polo liberalismo decimonónico coa intencion de abolir Galicia. A Academia vai reunirse no Bierzo Occidental, tan de fala e cultura galega coma o Val Miñor ou a Limia... a véspera do 17. De maio, se non hai incomenente, durmiremos, coma sempre que imos aló, no Hostal Méndez e ouviremos cantar o Burbia e o Valvarce entre soños, se cadra tamén o reiseñor que dicía sentir Cunqueiro cando caía naquela vila para papar o galo do monte que cazaban os seus amigos nos Ancares. A memoria de Ramón González-Alegre e Bálgoma virá ao noso encontro... 


  Certamente a sombra de Ramón González-Alegre acompañouno sempre nas súas viaxes ao Bierzo, fosen esas viaxes reais ou fosen simples evocaciois que seguramente facía con frecuencia desde a súa casa na rúa das Camelias de Vigo.  De Ramón, del que fora “o seu primeiro editor” quixo falar en Vilafranca nas IV Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo organizadas pola Escola de Gaitas no ano 1996 ao consideralo autor referencial no século XX neses tempos da ditadura difíciles para a lingua e, por suposto, para o galego do Bierzo. Fíxoo anos máis tarde noutra ocasión, tamén no Teatro Vilafranquino, no que o Instituto de Estudios Bercianos coa familia de González-Alegre levaron a cabo as Xornadas de Autor o 14 de abril do 2013.  


 Non sería a última ocasión na que pisou as terras bercianas. Se non me trabuco foi no ano 2017 esa derradeira vez na que se desprazou ao Bierzo para sorprendernos novamente cunha disertación sobre o comandante Fernández Morales. Foi con motivo do seu bicentenario e acudiu a Cacabelos para recitar e louvar ao cantor do Bierzo e en particular os versos do poema A caza maior.   Precisamente viaxaría virtualmente ao Bierzo sen estar nel nun curioso convite con Ferrín en Compostela, para festexar co editor de Positivas, berciano como xa dixen,  a publicación de Arraiano entre arraianos (2017). Despois de comer unha magnífica cabra asada soaron os versos de Morales na voz de Anxo Angueira e soaron as gaitas de Vilafranca, como tamén o fixeron na homenaxe imborrable e alegre que recibiría no 2020 na Casa de Rosalía, na derradeira vez que escoitou en directo as muliñeiras bercianas.   Finalmente, non o podemos esquecer tampouco, estivo no Bierzo de xeito virtual nunha gravación audiovisual realizada para a ocasión por Quique Costas e proxectada no teatro de Vilafranca nunha data mui relevante para o galego do Bierzo como foi o 12 de outubro de 2019 con motivo da presentación do emblemático libro de J.C. Mestre 200 gramos de patacas tristes.



Puido ser a intuición, non o sei, talvez a simple casualidade que logo toma corpo de augurio e néboa mesta somatizando as cousas do día a día. Mais o pasado día 2, Día de Defuntos, na aula de Lingua Galega lemos un relato temperá do afamado Xosé Luis Méndez Ferrín, titulado O Avellón (1954). Trátase dun relato funerario que describe literariamente un ritual antigo hoxe desaparecido de como a aldea despide a un veciño morto imitando o son dos abellóns cuando voan. Onte 19 de novembro as avelaíñas escuras visitáronme de madrugada sen eu o querer traendo a mala nova da morte do excelso autor, meu querido Ferrín. Galicia segue sendo ese país de fronteiras, tamén das dos mortos no que viviu, da que tanto escudriñou e preocupou reivindicando a liberdade para o seu pobo.


  Fun a Vigo,  arredor do cadaleito de Ferrín innumerables eran as persoas que ateigaban o espazo,  eramos a enorme aldea que foi quen de construír unha personalidade enorme e inmensa coma a súa. Eiquí convocadas para xirar incansablemente ao seu redor por derradeira vez en asemblea funeraria de honra e señardade cara el. Emitimos desde o fondo amargo das nosas gorxas todos os presentes ese son cerimonial característico na súa memoria. Tanto é o fervor que acudían a unirse ao zunido continuo que rodea a caixa desde os cuatro puntos cardinais da Gallaecia eterna, ríos de xentes vivas e, mesmo, entes animados pola memoria dos concorrentes, ata se sumaron eilí as almas esvaídas dos espíritos dos mortos ceibes e insignes, daqueles que, coma el,  non serán esquecidos facilmente. Aproveitábanse de que no mes de Defuntos contan que a porta entre os dous mundos, a dos que morreron e a dos que vivimos, permanece aberta, non hai fronteiras porque en ocasiois coma esta, adoitan vir, aínda que non se vexan, e seguen presentes máis aló da memoria de todos nós.  

 Estaban xa eilí, como é natural, os familiares,  Moncha, a Ghuanicacha marinense, compañeira agradecida, hoxe tan triste como cordial de seu, e Oriana, a amada filla poeta, a pequena, que logo daría as grazas no nome da familia aos asistentes. Chegaron primeiro tamén os veciños os máis próximos, residentes e vigueses amigos e xentes proletarias dos barrios populosos da cidade enteira. Da universidade achegouse axiña Quique Costas, falaba con Fernando Ramallo de textos,  corvos, figueiras e fouces de ouro cuando unha chea vida desde a Casa da Matanza, a de Padrón, acompañaba a Anxo Angueira. Sen dúbida traían con eles á mesma sombra de Rosalía, unha das primeiras sombras que se sabían convocadas para o ritual fúnebre...

 

Vexo un paxaro mouro de silencio

a correr coma un río ao meu alcontro.

E sinto horror da morte túa...


  De Rianxo Axeitos, e de Cambados no Salnés Paco Fernández Rei. Sóubose que xa estiveran antes os académicos de número da Coruña, presidentes e ex-presidentes da Academia e, da mao dos vivos, presentáranse tamén aqueles outros xa falecidos... Faise difícil seguir xirando sen dificultade porque non faltaron os seus compatriotas de Vilanova dos Infantes e de Celanova, que avisaron, como non, aos celanoveses de Castromao e a Celso Emilio Ferreiro, que se atreveu a comentarllo ao mesmo Curros.  A Pondal, que reside en Ponteceso invitárao Novoneyra, courelao que veu da mao do seu fillo vivo de nome Uxío. Desde a redacción do Faro de Vigo, coma se fose Merlín, soubo chegar o mesmo Cunqueiro baixo un paraugas aberto que rezaba Mondoñedo.  Desde o Ourense de Otero Pedrayo, e desde a Compostela combativa de vello, X. M. Beiras que, coma quen di, acababa de partir, mais volveu a carón do camarada, do Ferro amigo, viña da mao do seu querido compañeiro Miguel Anxo Fernán Vello, afincado en Carballo, tristemente compunxido. Alba Nogueira trouxo ao seu pai, Camilo. Asistiu o grupo Brais Pinto ao completo:  Herminio Barreiro, Bautista Álvarez, Alexandre Cribeiro, Reimundo Patiño, Bernardino Graña e Xosé Fernández Ferreiro. Coido cos trouxo, non o sei de certo, Ramón Lorenzo. Tamén estivo Manuel María, desde a Terra Cha, apurou o seu paso sen pés para que garantir no Alén unha boa acollida ao Ferro, a disidencia intelectual e comprometida co progreso deste e de todos os tempos.   Quixen imaxinar, porque a vida precisa dos soños  que viñeran dalgún xeito desde o Bierzo tamén os que non puideron de feito facelo, porque cos seus corazois o fixeran. Como non, os dous Pacos, o Macías, o de Positivas que estaba no Lago ao pé das Médulas e Paco Martínez Velasco, latinista que habita so o verdadeitro Monte Medulio onde arrinca a Serra da Lastra. Ademais doutros vivos que viaxarían de grado de o poder facer, arraianos entre arraianos: Os gaiteiros e gaiteiras desa Vilafranca galaica que evoca Mestre, o poeta que, sen dúbida, de estar eiquí traería nas súas maos o seu segundo poemario en lingua galega cunha dedicatoria a Ferrín  e uns versos escritos coa urxencia por Gamoneda, estes en castelán e dedicados a quen coñeceu e admirou en vida.  A carón de Eduardo Pereira, viaxaría co seu tío morto, de non estar na Alemaña, a sombra narrativa doutro contador de contos e poeta berciano, Antonio Pereira, que tampouco vén só, fui buscar a Ramón González-Alegre.  Únense animosos á comitiva de vivos arraianos como Gaspar Méndez da Veiga de Valcarce, das Portelas de Zamora, Felipe Lubián e Carlos Aenlle da franxa galego falante do Eo-Navia, ademais dos mortos, Domingos Frades do Val do Ellas de Estremadura. Vivos tamén Ricardo López Témez de Ponferrada e o historiador José Antonio Balboa, quen se encargou de informar ao brigadier falecido en Cacabelos, Fernández Morales, para que viñese tamén ata Vigo. Pareceume ver por un intre a Castelao nun recuncho humilde como tomaba un apuntamento sobre un papel para esbozar un debuxo, ou quizá un retrato colectivo lembrándose daquela comitiva que el convocara na Alba de Gloria. Talvez o propio Padre Sarmiento estaba entre os asistentes, de certo gustaríalle estar presente, agradecido polas palabras que Ferrín lle dedicou.  


A pesar de estarmos tanta xente arredor do seu cadaleito, a pesar do son incansable do zunzún sonoro, a ausencia era tremenda, a sensación de baleiro enorme. Tanto que foi capaz de silenciar totalmente o lugar para converter o son do abellón noutra cousa. O zunido paseniño transformouse timidamente nunha melodía proletaria que foi tomando corpo universal e planetaria:

En pé os escravos da terra,

en pé os que non teñen pan,

a nosa razón forte  berra

viva a internacional...

Axuntémonos todos é a loita final...   

 A cantiga revolucionaria ecoou mesmo nas beiras afastadas do río Burbia e do río Cúa, estamos seguros. Mais a ausencia lévame a imaxe mesma que eu gardo de Ferrín ao pé da tumba de Morales, na Edrada en Cacabelos baixo os cipreses altivos, tremendo co calofrío do tempo a pesar de ser vrao,  momento que non volverá e no que falaba de corazón Ferrín de Morales con admiración como autor fundacional da literatura galega, pero conmovido ante a humilde lápida do cantor do galego do Bierzo.


 No tanatorio unha interminable compaña de persoas que me é imposible nomear,  incapaz das lembrar a todas. As escritoras e amigas, acompañan a Oriana, a súa filla, e a Moncha, súa compañeira, nunha roda feminina, a máis próxima ao cadaleito e emocionada. Anxo Angueira, cal patrucio da aldea detén a roda amiga que xirou incesante arredor do féretro para ler unhas palabras de despedida, palabras do propio Ferro. Chus Pato a seguir recita uns versos xusto antes de ser Oriana a que fale aos presentes e despida ao seu pai con palabras do seu mesmo pai. Unha cita breve, sentida e sinxela, unha invitación afable a amar a lectura, a aventura e a vida. 


As Cen Vilafrancas /35 

Héctor M. Silveiro Fernández, membro correspondente polo Bierzo da Real Academia Galega.


No Bierzo Diario




Ningún comentario:

Publicar un comentario

O ARRAIANO FERRÍN E VILAFRANCA. In memoriam.

  Para Ferrín Vilafranca, en gran medida, era en esencia o Bierzo. Onte no seu velorio un ramo cumprido de caraveis vermellos vido desde a v...