luns, 9 de marzo de 2026

O DÍA DO GALEGO DO BIERZO 2026 EN CACABELOS




 Hoxe celebramos en Cacabelos o Día do Galego do Bierzo realizando dous encontros con escolares do Programa de Promoción desta lingua nos centros de ensino da comarca. 

FAUNA E FLORA DO BIERZO CO ALUMNADO DE SECUNDARIA 

    Sara Rodríguez, autora do Dicionario do Galego do Bierzo e Alfonso Fernández, alcalde de Carucedo, veterinario e especialista en Paxaros da Comarca dirixiron un pequeno obradoiro sobre o léxico da flora e da fauna dos nosa comarca, que precisan do coidado e atención semellante ao que necesita a nosa fala, ante os perigos que  tanto os incendios nos montes como a desmemoria nas persoas poidan provocar.

    Comezou unha disertación cargada de experiencia e de sabias consellas de Alfonso Fernández que sendo un nino observador atento da natureza e das aves, en particular, comezou a coñecer as especiaes de aves propias da comarca.  Alfonso foi explicando con imaxes detalladas de cada paxaro citado  (arredor de 200 aves) como se adentrou no mundo dos paxaros e como foi recoñecendo os sons dos seus cantos, os hábitos e lugares habituais de  estacia e de cría, os tempos que pasan entre nós as aves migratorias que, por exemplo, adoitan ou acostumaban a pasar no Lago de Carucedo (pois os hábitos, van cambiando co paso dos anos). Reflexiois e características sobre aves acuáticas, paxaros dos campos, aguias e  tamén das aves da noite. A papuxa das amoras (que  non emigra),  a carriza que xa se ve menos que antes, os costumes de ocupacion dos cuquelos, o canto das oropéndolas entre os chopos, ou o dos picos, o fermoso canto dos reiseñores ou dos cochorros (todos eles perfectamente reproducidos en directo polo conferenciante para a sorpresa dos asistentes, alumnado dos IES. de Vilafranca e Cacabelos que coas súas profesoras Teresa e Débora souberon da melodiosa cantiga do malvis, ou de como aos voitres lles chamaban os pastores as aves do lobo porque estaban voando sempre por riba á espera e previo ataque do mamífero depredador aos rabaños de ovellas. 

    A seguir Sara tomou a palabra para interactuar cunha presentación tamén cargada de fotos e nomes nun diálogo cos rapaces e rapazas para saber que nomes coñecían e cales non dos animais salvaxes e dos domésticos, da flora tamén, tanto de árbores frondosas e fruiteiras, de arbustos e de herbáceas de distinta índole. Sara apuntaba as diversas e variadas formas de nomear  aos cochos ou as colebras, as dificultades para diferenciar para os falantes un carballo dun rebolo, ou de atoparlle outro nome ao negrillo entre os habitantes do Bierzo. Na segunda edición do seu Dicionario que axiña estará editada veremos como os campos semánticos dos animais e das plantas serán claramente ampliados, un labor difícil e complexo que ea está abordando. Sesiois como as de hoxe permiten ao alumnado ir afondando dun xeito divertido e distinto na riqueza léxica que é algo que caracteriza a nosa fala. 


Alfonso Fernández e Sara Rodríguez autores das chalas para Secundaria 

 Un vídeo dos paxaros https://fb.watch/FNAoqZYjlR/


ENTREGA  DOS VI PREMIOS FERNÁNDEZ MORALES 

    Os gañadores dos distintos centros de Primaria onde se imparte o Programa de Promoción do Galego do Bierzo, recibiron das maos das autoridades presentes dos Concellos que apoian as XVIII Xornadas Martín Sarmiento, o anfitrión Cacabelos, Corullón e Carucedo, Vilafranca, o Consello Comarcal representado polo seu Presidente Olegario Ramón, as entidades culturais Instituto de Estudios Bercianos, Edicións Positivas, o Instituto Leonés de Cultura e o Deputado Provincial de Cultura, a Inspección Educativa Provincial de León, a Secretaría da Lingua Xunta de Galicia representada por Valentín García e a representante da Consellaría de Educación de Junta de Castela e León, Melina Rellán Barreiro.


Os alumnos/as premiados co VI Premio Morales

Intervención do Deputado Provincial de Cultura de León




O OBRADOIRO DOS SONS DO BOSQUE  co cantautor ecoloxista berciano José Ángel Rodríguez  

    Dirixido aos máis pequenos trátase dunha inmersión a través da música e dos sons que podemos escuitar nos nosos montes de paxaros tan curiosos como o cuquelo ou a aguia, os paporubios ou os corvos, aves diurnas,  ou a curuxa e a avelaiona ou o moucho, aves da noite.  O perigo dos lumes, a forza da natureza e a necesaria conciencia que desde a nenez debe ir medrando para entender a conexión que debe haber entre os seres humanos e a fauna e a flora que nos rodean conformando a paisaxe que nos transfire identidade, paisaxe que ten tamén sons e son referentes que debemos cuidar como parte esencial da nosa cultura. A ecocultura na que a lingua é un deses aspectos que precisamos conservar. 





José Ángel Rodríguez presentando o Obradoiro dos sons do noso bosque


A MESA DE TRABALLO: 

PREPARANDO UN XXV ANIVERSARIO DA POSTA EN MARCHA DO PROGRAMA DE PROMOCIóN DO GALEGO NO BIERZO.   

    Fixose unha valoración do incremento na matrícula do alunado de galego (inclúense os do Colexio de Primaria de Lubián (Zamora) e a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada 1207, no presente curso, (o curso pasado eran 1179). Tanto Valentín García como Melina Rellán Barreiro, da D. General de Planificación, Ordenación y Equidad Educativa. Fíxose fincapé tamén no incremento de prazas para a excursión anual a Galicia. Logo de revisar o decálogo de propostas de mellora que para o XXV aniversario do Programa se propuxo xa o curso pasado a Comision Cultural Martín Sarmiento invita a abordar aspectos que significan un obstáculo para o desenvolvemento natural de dito Programa. A resposta de ambas administraciois é semellante. Tras repasar punto por punto o decálogo entenden que resulta moi difícil abordar desde a Comision de Seguimento (a esta Comisión asiste con voz, pero sen voto o Consello Comarcal, que na última reunión tida reclamou a ampliación da publicidade do Programa nos centros de ensino bercianos, incrementar as prazas que se outorgan para actividades para o alumnado de galego e posibilitar intercambios con centros galego e bercianos, cambios que precisan de cuestionamento da normativa establecida, por exemplo, con respecto á autonomñia dos propios centros ao falar do caso de ampliación de centros que oferten a lingua galega. Algo semellante ocorre coas clases de galego fóra do horario lectivo oficial  para o alumnado de Bacharelato dos IES do Bierzo onde se imparte.  O debate derivou cara a poñer en marcha iniciativas que vaian máis aló dos centros educativos, para o que se animaba aos concellos presentes e ao propio Consello Comarcal a abordar ofertas de espazos onde o uso do galego sexa o fío condutor de iniciativas de carácter cultural tipo Club lecturas, Xornadas de proxecciois de cinema en galego, etc... Acordouse estudar unha proposta para os concellos presentes que recibirían a iniciativa encantados.. 



MARTÍN SARMIENTO, O PRIMEIRO NATURALISTA

 


Unha vez mais celebramos en Vilafranca, a súa vila natal, o día do seu nacemento  coa convocatoria das XVIII Xornadas Martín Sarmiento  que este ano tivo como acto inaugural o pasado sábado 7 ás 19 horas no Teatro Enrique Gil  unha magnífica e esperada presentación do libro Martín Sarmiento, o primeiro naturalista doinvestigador e divulgador Rafael López Loureiro.  Acompañaron ao autor, Héctor Silveiro, coordinador das Xornadas e Paco Macías, de Edicións Positivas que fixo unha breve alocución a modo de limiar do acto.  

O primeiro que fixo o autor invitado foi ler unha páxina na que se viña dando unha idea da dimension intelectual e ideolóxica da figura de Sarmiento e de como era un pensamento adiantado e claramente raro e singular a España de 1700. 

Constatamos axiña como  Rafael  López Loureiro era un entusiasta convencido e documentado  da figura do noso ilustre conveciño. Un coñecedor das facetas lingüísticas (as máis divulgadas e estudadas do Pai Sarmiento) das súas múltiples derivas como erudito contemporáneo de Feijoo, da amizadae que ambos mantiñan e de como o bieito contribuiu de feito á publicacion no século XVIII do Teatro Crítico Universal do seu mestre, da súa defensa posterior e da súa negativa definitiva a volver editar nada.  Pero destacou como a prolífica obra sarmentiana está aínda na súa grande parte inédita e permanece no esquecemento, sendo a día de hoxe unha fonte segura para abordar campos de tanto interese como son a Zooloxía, a Xeografía, a Historia, a Etnografía e, por suposto, a Botánica. 

Rafael López Loureiro describiu esta dimensión como naturalista, de feito foi o promotor do Día do Naturalismo en Galicia, o día 9 de marzo na honra do que segundo o seu nome de pía era Pedro Xosé, coñecido familiarmente como Perucho. Falou e ilustrou o interese científico polo mundo natural desde fauna propia como o lince ( O noso Sarmiento atesouraba na cela esa biblio e todo tipo de animais disecados, microscopios, un voitre disecado pendurado do teito, coleccións mineralóxicas, un... herbario e ata un lince disecado. Cando o trouxeron, o seu adorable gato escapou e non entrou alí en catro días)o flamengo, desde os atúns ata o xa extinto e curioso asno cebral. Falounos da cela do noso ilustrado en Madrid, da inmensa biblioteca (cuxo catálogo vai ser editado da mao de Rafael López Loureiro) polo Consello da Cultura Galega no Proxecto Sarmiento. Dos tratados da carqueixa (máis coñecidos) detallando varias anécdotas sobre como se foi espallando o seu uso pola corte grazas a certas amizades notables do frade sabio. Tamén falou dalgún tratado de botánica de plantas como a que provocou a edición deste libro (a Fragaria Vesca) da que foi o seu introdutor en España. e outros máis descoñecidos e sorprendentes dos que gardamos confidencial silencio para quen se achegue á obra divulgadora de Rafael ao que tamén se lle pode seguir na rede no blogue Ao noroeste do Noroeste.

O  investigador cedeirense, ademais de anunciar a edición dun dos tratados máis emblemáticos da obra botánica de Sarmiento, o tratado da Seixebra,   loquaz e apaixonado fixo unha lectura final na que agradeceu ser recibido nesta vila onde el séntese coma na casa desde que veu e participou da tradicional Festa dos Maios, estan foron as súas o palabras de peche:

."..moi agradecido por andares preocupados coas miñas ausencias. Razóns pra os vosos temores non vos faltarían, pero a verdade, a grata verdade, e que servidor de vez en cando tómase cumprida ausencia deste espazo e dá en andar trafegando noutras latitudes e lonxitudes que ocasionalmente me despistan das estreitas e estimadas lindes do meu pequeno mundo e obríganme a deixar pra mellor ocasión abrir esta fiestra de palabras e imaxes, ao andar paseándome xa dixen, por outras xeografías e tempos. Pode que percurando un boullón de augas en Sanandrés de Teixido no ano 1939, os maios da miña benquerida Vilafranca, as orquídeas da Enciña da Lastra ou os insultos do inglés as costás galegas no século XVIII, sen deixar de repasar as causas do devastador esquilmo histórico das ostreiras galegas e claro está a permanente visita de conversa coa obra do meu admirado Martín Sarmiento."





Rafael López Loureiro presentou o día 9 en Compostela unha obra inédita de Sarmiento.

O tratado da seixebra 

O DÍA DO GALEGO DO BIERZO 2026 EN CACABELOS

 Hoxe celebramos en Cacabelos o Día do Galego do Bierzo realizando dous encontros con escolares do Programa de Promoción desta lingua nos ce...