luns, 9 de marzo de 2026

MARTÍN SARMIENTO, O PRIMEIRO NATURALISTA

 


Unha vez mais celebramos en Vilafranca, a súa vila natal, o día do seu nacemento  coa convocatoria das XVIII Xornadas Martín Sarmiento  que este ano tivo como acto inaugural o pasado sábado 7 ás 19 horas no Teatro Enrique Gil  unha magnífica e esperada presentación do libro Martín Sarmiento, o primeiro naturalista doinvestigador e divulgador Rafael López Loureiro.  Acompañaron ao autor, Héctor Silveiro, coordinador das Xornadas e Paco Macías, de Edicións Positivas que fixo unha breve alocución a modo de limiar do acto.  

O primeiro que fixo o autor invitado foi ler unha páxina na que se viña dando unha idea da dimension intelectual e ideolóxica da figura de Sarmiento e de como era un pensamento adiantado e claramente raro e singular a España de 1700. 

Constatamos axiña como  Rafael  López Loureiro era un entusiasta convencido e documentado  da figura do noso ilustre conveciño. Un coñecedor das facetas lingüísticas (as máis divulgadas e estudadas do Pai Sarmiento) das súas múltiples derivas como erudito contemporáneo de Feijoo, da amizadae que ambos mantiñan e de como o bieito contribuiu de feito á publicacion no século XVIII do Teatro Crítico Universal do seu mestre, da súa defensa posterior e da súa negativa definitiva a volver editar nada.  Pero destacou como a prolífica obra sarmentiana está aínda na súa grande parte inédita e permanece no esquecemento, sendo a día de hoxe unha fonte segura para abordar campos de tanto interese como son a Zooloxía, a Xeografía, a Historia, a Etnografía e, por suposto, a Botánica. 

Rafael López Loureiro describiu esta dimensión como naturalista, de feito foi o promotor do Día do Naturalismo en Galicia, o día 9 de marzo na honra do que segundo o seu nome de pía era Pedro Xosé, coñecido familiarmente como Perucho. Falou e ilustrou o interese científico polo mundo natural desde fauna propia como o lince ( O noso Sarmiento atesouraba na cela esa biblio e todo tipo de animais disecados, microscopios, un voitre disecado pendurado do teito, coleccións mineralóxicas, un... herbario e ata un lince disecado. Cando o trouxeron, o seu adorable gato escapou e non entrou alí en catro días)o flamengo, desde os atúns ata o xa extinto e curioso asno cebral. Falounos da cela do noso ilustrado en Madrid, da inmensa biblioteca (cuxo catálogo vai ser editado da mao de Rafael López Loureiro) polo Consello da Cultura Galega no Proxecto Sarmiento. Dos tratados da carqueixa (máis coñecidos) detallando varias anécdotas sobre como se foi espallando o seu uso pola corte grazas a certas amizades notables do frade sabio. Tamén falou dalgún tratado de botánica de plantas como a que provocou a edición deste libro (a Fragaria Vesca) da que foi o seu introdutor en España. e outros máis descoñecidos e sorprendentes dos que gardamos confidencial silencio para quen se achegue á obra divulgadora de Rafael ao que tamén se lle pode seguir na rede no blogue Ao noroeste do Noroeste.

O  investigador cedeirense, ademais de anunciar a edición dun dos tratados máis emblemáticos da obra botánica de Sarmiento, o tratado da Seixebra,   loquaz e apaixonado fixo unha lectura final na que agradeceu ser recibido nesta vila onde el séntese coma na casa desde que veu e participou da tradicional Festa dos Maios, estan foron as súas o palabras de peche:

."..moi agradecido por andares preocupados coas miñas ausencias. Razóns pra os vosos temores non vos faltarían, pero a verdade, a grata verdade, e que servidor de vez en cando tómase cumprida ausencia deste espazo e dá en andar trafegando noutras latitudes e lonxitudes que ocasionalmente me despistan das estreitas e estimadas lindes do meu pequeno mundo e obríganme a deixar pra mellor ocasión abrir esta fiestra de palabras e imaxes, ao andar paseándome xa dixen, por outras xeografías e tempos. Pode que percurando un boullón de augas en Sanandrés de Teixido no ano 1939, os maios da miña benquerida Vilafranca, as orquídeas da Enciña da Lastra ou os insultos do inglés as costás galegas no século XVIII, sen deixar de repasar as causas do devastador esquilmo histórico das ostreiras galegas e claro está a permanente visita de conversa coa obra do meu admirado Martín Sarmiento."






Ningún comentario:

Publicar un comentario

MARTÍN SARMIENTO, O PRIMEIRO NATURALISTA

  Unha vez mais celebramos en Vilafranca, a súa vila natal, o día do seu nacemento  coa convocatoria das XVIII Xornadas Martín Sarmiento  qu...