domingo, 25 de agosto de 2024

PARA O MEGO DAS PALABRAS: MULICEIRO/ ESMURICEIRO

Nese tempo de lecer que sempre temos no vrao, nese pracer que supón a relectura que permite entrar na inmensa paneira de palabras que gardamos no Bierzo, abrimos de novo un libro de Aquilino Poncelas Abella,  O mestro púxose louco (1995) e eilí estaba esta curiosa palabra que hoxe traemos eiquí para comentar e propoñer a súa inclusión na próxima edición do Dicionario do Galego do Bierzo de Sara Rodríguez. 

Tempo de muliceiro,

castañas no ouriceiro.

 Son palabras da tradición oral que reproduce Aquilino neste libro da memoria da súa Teixeira natal na Somoza berciana que o autor atrapa maxistralmente para perpetuala. Este refrán é unha cita inicial coa que comeza a parte primeira que leva por título, A Autonada.

Pousemos a nosa atención xa sobre a palabra a comentar: Muliceira/o. É un adxectivo asociado habitualmente nos refrais a unha categoría de tempo suave. Nolo lembraba tamén así o profesor Xésus Ferro Ruibal nun deses microprogramas titulados Ben falado da TV Galega que dedicou ao Bierzo. (a partires do minuto 2,12 e seguintes)

 

No refraneiro popular é costume acompañar os meses do ano con adxectivos que gardan relación co seu carácter metereolóxico, ou ben, cos traballos asociados a cada tempo.  Neste caso, o citado por Aquilino, tempo de muliceiro, alude ao tempo das castañas, a autonada, á vez que o refrán, sen concretar o mes, menciona un deses traballos a realizar, preparar a ouriceira (cercado de pedra nos soutos onde se depositan as castañas aínda nos seus ourizos para maduraren).

 Pero o adxectivo pode ser empregado noutros meses. Especialmente o de febreiro que adoita no Bierzo galego falante ser acompañado deste adxectivo raro noutros territorios. De feito a palabra muliceira/o ou  na súa variante esmuriceira/o, non se atopa facilmente en vocabularios, dicionarios e léxicos especializados nas linguas do Bierzo (aparecen iso si verbos asociables a este adxectivo:  mulir, esmolecer, mesmo esmorecer.

Hai un verbo mulir que tamén poderíamos poñer en relación co noso adxectivo, é a acción de preparar a cama con vexetais como a carqueixa nas cortes do gando. Aquilino Poncelas cóntao así  falando da autonada : ...viña tamén o tempo da arrinca de patacas, de bota-lo gado ó prado, de acarrear carquixos pra mulir-las cortes e outras faenas máis...

Este verbo que recolle xa o Dicionario do Galego do Bierzo como o da propia Academia Galega seguramente é o que dá orixe ao noso adxectivo. Pero o adxectivo que significa brando e de pouca enerxía en galego nos dicionarios de galego é mol. Ademais un substantivo que recolle tamén o dicionario da RAG que é moleza presenta tres acepciois: Calidade de mol, falta de enerxía, de forzas, vigor, ou tamén molicie e molura (preguiza, gusto pola comodidade, falta de vontade para traballar...).

Unha traseira testemuña, esta vez procedente do Refraneiro berciano do vilafranquín Santiago Castelao, trae da mao unha posible variante do noso muliceiro. 

Xaneiro xabreiro,

febreiro esmuriceiro...

Este esmuriceiro presenta un par de pequenos, pero significativos cambios. O reforzo prefixal do es- e no lexema –muric-   un r- en lugar dun l- o que nos fai pensar de inmediato noutro verbo que ademais do Dicionario de Galego do Bierzo, aparece en muitos outros traballos de lexicografía como esmorecer/ esmourecer (no Léxico y Literatura de tradición oral de las Médulas de Fernando Bello Garnelo) cun significado de debilitarse, murcharse, perder vigor,  en sentido figurado sería suavizarse, mesmo ser preguiceiro.    Parece logo haber na fala popular un certo transvase de significados pola semellanza entre estes dous verbos esmorecer  e estoutro: esmolecer, emolecer ou amolecer: abrandar que permitiría que ambos adxectivos, muliceiro e esmuriceiro  acompañen como cualificativos ao mes de febreiro e veñan significar algo mui semellante.



1 comentario:

PARA O MEGO DAS PALABRAS: MULICEIRO/ ESMURICEIRO

Nese tempo de lecer que sempre temos no vrao, nese pracer que supón a relectura que permite entrar na inmensa paneira de palabras que gardam...