martes, 20 de agosto de 2024

PARA O MEGO DAS PALABRAS: LUSCO E FUSCO

Solpor nas Médulas á espera do luscofusco 


 Iremos colgando neste blog algúas palabras e expresiois que contribúan a lograr ese reto que nos propuxemos na última edición das Xornadas Martín Sarmiento que denominamos O MEGO DAS PALABRAS, que consiste en recoller 1000 novos vocablos para sumar ás xa 15000 entradas que ten o Dicionario do Galego do Bierzo ese magnífico traballo, espléndido agasallo que realizou Sara Rodríguez de Carracedelo.

LUSCOFUSCO

Nun refrán recollido no Refranero berciano por Santiago Castelao algo me chamou a atención e sentín que podería ser (ou que sempre é) posible e válida outra interpretación. Imos ao caso. Di o refrán recollido aos falantes da contorna polo autor citado:

Entre que busco e fusco non atopo o que busco.

 Nada máis ler este dito a miña cabeza viaxou axiña cara á máxica palabra composta do lusco-fusco. Digo máxica porque ese “entre lusco e fusco” fai referencia sempre ao anoitecer, ao momento xusto no que se vai a luz do día para dar paso ás sombras.  Dito isto, volvamos ao refrán. Para empezar este refrán berciano invítanos como mínimo a incluír fusco, como sinónimo de escuro e sombrio no noso Dicionario do Galego do Bierzo, algo que aconsella facer de xeito inapelable esta testemuña de tradición oral.  Pero indo a unha lectura máis atenta cabería a posibilidade de atoparmos cunha variante do mesmo refrán na que en lugar do primeiro busco (palabra que volve a aparecer en reiteración un tanto estraña), colocásemos a palabra lusco. A preposición entre (que sempre precede a frase galega entre lusco e fusco)  parece que pide ese troque doado, tan só cambiando a primeira letra da palabra busco> lusco. Con este leve cambio lonxe de danar o sentido do refrán, máis ben ao contrario, refórzase o seu significado. Logo esta locución adverbial ben podería entrar tamén, un pouco con calzador, no noso Dicionario do Galego do Bierzo, facéndolle unha concesión a un posible despiste ou erro de transcrición do seu recolector, poñendo en valor o xa engadido, sen escrúpulos e incuestionable, da palabra fusco.  

A palabra lusco como adxectivo na RAG é sinónima nunha das acepciois de birollo, pero como substantivo masculino (pode aparecer tamén como lusque) ten unha acepción relacionada coa luz crepuscular, tenue previa ao se cerrar a noitiña.

Como complemento escuitemos a seguir á académica Ledo Andión falar da diferenza entre o solpor e o luscofusco. 

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

SARMIENTO como pioneiro na recolleita da nosa tradición oral

Acto do Día das Letras 2025 no que cantaron As Tanxugueiras   En Galicia as mulleres non son soamente poetas senón músicas naturais. En Cast...