domingo, 20 de abril de 2025

A FALA DE VALDEORRAS E DO BIERZO

 


Celebrouse en Valdeorras unha inciativa para a creación dun Dicionario do galego da comarcar na que o Bierzo estivo presente na persoa de Sara Rodríguez, autora do Dicionario do Galego do Bierzo. Trátase dunha iniciativa que promove a Fundación Florencio Delgado Gurriarán e que resulta de sumo interese para a campaña de recolleita activa que no Bierzo denominamos O Mego das Palabras.  

AS MESAS DE TRABALLO DAS XORNADAS: REFORMA DO PROGRAMA DO GALEGO E RECUPERACIÓN DA TOPONIMIA

AS ARELAS DE SARMIENTO 

 Con este título das arelas de Sarmiento poñemos en marcha iniciativas e propostas no transcurso das Xornadas Martín Sarmiento. As dúas Mesas de Traballo que se realizaron, unha en Vilafrnca e a outra en Cacabelos,  xiraron arredor de dúas cuestiois: A recuperación toponímica e a reforma do Programa do Galego nos centros escolares do Bierzo.

A MESA DE TRABALLO EN CACABELOS 

Reunidos no Salón de plenos do Concello de Cacabelos as entidades organizadoras e administraciois colaboradoras da presente edición das XVII XORNADAS MARTÍN SARMIENTO tivo lugar unha MESA DE TRABALLO na que abordamos, a petición da Comisión Cultural Martín Sarmiento, dúas preocupaciois que sintetizamos, pola súa urxencia e importancia, tras unha breve exposición de motivos, en dúas solicitudes, unha referente á Toponimia  e a referida ao Programa de Promoción do Galego nos centros escolares do Bierzo que detallamos a seguir: 

1ª SOLICITUDE SOBRE A RECUPERACIÓN DA TOPONIMIA BERCIANA

A Comisión Cultural Martín Sarmiento solicita, tras as Mesas de Traballo das XVII XORNADAS MARTÍN SARMIENTO, a primeira reunida o 9 de marzo pasado en Vilafranca do Bierzo na que se constituíu a Comisión de Recuperación da Toponimia do Bierzo e na que, con carácter de urxencia,  se acordou trasladar a presente solicitude para a seguinte Mesa de Traballo, a do 10 de marzo que tivo lugar en Cacabelos, na que estaban presentes a alcaldesa de dito municipio, Irene González,  Anderson Batista, alcalde de Vilafranca e Gustavo Montero, o tenente alcalde de Corullón e o Presidente do Consello Comarcal do Bierzo Olegario Ramón, Valentín García Gómez e Lourdes Batán Aira, secretario xeral e subdirectora da Secretaria  Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Melina Rellán Barreiro, xefa de sección do Servicio de Ordenación y Equidad Educativa, en representación da Dirección General da Junta de Castilla y León, o inspector de educación en representación da dirección provincial de educación de León, Francisco Javier López Álvarez, ademais dos  representantes das entidades colaboradoras do evento que asinan este escrito no que, entre outros asuntos, se lles presentou a iniciativa da presente solicitude que  quedamos de redactar e formalizar para remitir tanto á Secretaría Xeral de Política Lingüística, á Presidencia da Real Academia Galega como ao Presidente do Consello Comarcal coas seguintes demandas.

Dada,  por un lado, a existencia dunha aplicación como GALICIA NOMEADA iniciativa conxunta da Xunta de Galicia e a Real Academia Galega, que se presentou xa no Bierzo no Concello de Carucedo, aplicación realmente útil para unha recuperación áxil e eficaz da microtoponimia e estando en disposición de comezar un traballo de recuperación toponímica de gran calado na comarca do Bierzo, tendo presente que conta co apoio dos gobernos municipais que veñen colaborando anualmente coas Xornadas Martín Sarmiento e o respaldo do propio Presidente do Consello Consello Comarcal, a través do que pretendemos canalizar a xestión desta solicitude,  quixeramos facer posible que dita aplicación sexa factible utilizala na nosa comarca cubertos os requisitos legais pertinentes e para que isto se leve a cabo solicitamos que:

-          Que os receptores desta solicitude realicen as xestiois oportunas primeiro para identificar cal é o organismo responsable na Junta de Castilla y León da xestión e uso das ortofotos do territorio para un proxecto de xeolocalización de topónimos a través do móbil como o denominado GALICIA NOMEADA da que son responsables a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a propia Real Academia Galega.

-          Que se lle comuniquen a dito organismo as vantaxes que suporía a incorporación ou clonación da iniciativa de GALICIA NOMEADA para o territorio berciano especialmente rico en toponimia, como acontece con todo o territorio noroccidental da península polas circunstancias orográficas e xeográficas que posúe e que derivou nun tipo de poboamento numeroso e pouco disperso.

-          Que se lle solicite a dito organismo competente unha reunión para explicar en detalle como e cando sería posible a posta en marcha deste proxecto de recuperación que pretendemos dadas as súas eminentes vantaxes, tendo en conta a urxencia ante a agudizada desruralización que sofren moitos concellos desta comarca. A esta reunión invitaríase, se lle parece pertinente, tanto a Xunta de Galicia como a RAG, para que se estude conxuntamente e do xeito máis áxil posible unha das seguintes opciois:

a)       Clonar a aplicación de GALICIA NOMEADA para o territorio berciano, leonés ou da comunidade na súa integridade.

b)       Incorporar á aplicación galega un apartado denominado TOPONIMIA BERCIANA coas ortofotos do territorio do Bierzo.

        Desexando obter unha resposta favorable, agardando que o compromiso adquirido na Mesa de Traballo da XVII Xornadas Martín Sarmiento chegue a bon porto e podamos, o máis axiña posible, iniciar o proxecto de recuperación da toponimia do Bierzo coa posta en marcha da citada aplicación, asinamos a presente solicitude esperanzados e cun sincero agradecemento adiantado por dar un paso tan importante na documentación e xeolocalización dos nomes de lugar, parte substancial da nosa riqueza patrimonial.



2ª SOLICITUDE DUNHA REUNIÓN EXTRAORDINARIA DA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DO PROGRAMA DE PROMOCIÓN COAS ENTIDADES QUE VEÑEN CONVOCANDO AS XORNADAS MARTÍN SARMIENTO PARA  ABORDAR O DEBATE  DUNHA REFORMA E MELLORA DE DITO PROGRAMA QUE PERMITA FALAR DUNHA TOTAL CONSOLIDACIÓN DO MESMO.

REFORMA PARA A MELLORA E CONSOLIDACIÓN DO PROGRAMA NO SEU 25 ANIVERSARIO

A aposta das familias da comunidade educativa berciana polo Programa é, como reiteramos, o máis relevante e positivo da intrahistoria do mesmo polo que, neste aspecto, podemos falar dun éxito. Pero non é ouro todo o que reloce, xa citamos unha cantidade de eivas e obstáculos presentes e persistentes que esperan ser tratados con determinación política, solucionados sen causar ningún trauma especial no eido educativo do Bierzo, porque é a inmensa maioría da Comunidade quen está apostando certamente polo mantemento e ampliación do mesmo.

Non podemos actuar reiteradamente como se non se visen esa chea de situaciois mellorables todas,  que, lonxe de consolidar o programa e facilitar o aumento da matrícula, (especialmente na Secundaria),  provocan unha baixa de matriculas posibles en lugar dun incremento notable, ademais do desprestixio público e, o máis grave, a enquistamento de condiciois inxustificables no horario extraoficial que afecta ás familias e alumnado que apostou desde o principio polo programa, falamos de novo do alumnado da Secundaria e Bacharelato, ou o feito de que non sexan todos os centros adscritos atendidos para poder proseguir co programa nos IES correspondentes, xa que o seu sería que todos os IES bercianos o ofertasen, como xa dixemos.

As limitaciois e precariedades citadas que se estenden tamén aos propios docentes do Programa que seguen sen departamento propio e sen a coordinación necesaria para ser máis eficaces e unha mellora de contidos aproveitando a experiencia que estes 23 anos xa outorgan.  A perda de falantes que o galego no Bierzo tamén sofre, precisa de políticas decididas e non ancoradas nos mínimos, navegar na naturalidade coa que os bercianos/as asumen a presenza do galego no ensino. Ese é o espírito da presente solicitude, das melloras que se implementen acordes coa filosofía da Promoción e camiñar sempre cara adiante.  Cremos que o 25 aniversario pode ser un ano:

-          - No que todo o territorio oferte galego tanto en Primaria como en Secundaria.

-          -  Que os criterios para introducir nun centro o galego como optativo non impida ou disuada a ningún escolar escoller e comezar a estudar galego ou permanecer no Programa ao seu paso da Primaria para Secundaria ou o Bacharelato.

-          - Que a oferta sexa máis marcadamente lingüística en Primaria e que sexa factible estudar Lingua e Cultura Galega desde 1º da ESO para camiñar na equiparación dos dereitos lingüísticos dos españois, referímonos aos dereitos que xa existen en Galicia, comparados cos do noso territorio, onde tamén o galego é lingua propia e polo tanto son uns dereitos lingüísticos esixibles, esixencias que as autoridades educativas deben saber xestionar democraticamente acordes cunha sociedade de oportunidades e liberdade.  

-          - Que de ningunha maneira se permita dar fóra do horario lectivo esta materia, tratando ao galego por igual ao resto das materias.

-          -  Qe aumente oferta establecendo un criterio de imperativo que a administración educativa aplicaría a centros que hoxe non o imparten.

-          - No que un departamento para o galego e unha listaxe de docentes capaz de impedir que a precariedade e falta de profesores sexa algo constante, algo que desprestixia ao Programa de Promoción curso si e curso tamén.

-           - No que se poña a funcionar unha coordinación para as/os docentes da Primaria que permita mellorar os contidos na liña desa iniciación á Lingua Galega que procura o Programa. 

sábado, 5 de abril de 2025

ENCONTROS ESCOLARES MARTÍN SARMIENTO E V- PREMIOS MORALES: O ENTROIDO

ENCONTRO CON SECUNDARIA: O MEGO DAS PALABRAS  (Cine FABA Cacabelos)

Nesta XVII edición das Xornadas Martín Sarmiento con motivo do encontro co alumnado de Secundaria dos IES que imparten o Programa do Galego fixemos un seguimento da iniciatva que puxemos en marcha o curso pasado a partir da publicación do Dicionario do Galego do Bierzo de Sara Rodríguez, para o que contamos coa presenza da propia autora que invitou aos centros presentes a proseguir coa recolleita de palabras, tras analizar algúas das achegas que se fixeron. 



ENCONTRO CON PRIMARIA: V-PREMIOS MORALES

A seguir demos a benvida a unha parte dos alumnas/os de 11 centros de Primaria que imparten tamén o Programa de Galego  que foron recibidos pola comparsa do Entroido Berciano do Grupo de Alegría Berciana que tivo a ben a compañarnos. Este grupo folclórico leva anos representando esta escena das nosas tradiciois partindo do poema de Antonio Fernández Morales titulado o Entroido que era  precisamente o motivo escollido para os V Premios Morales, que se concretou coa edición dun calendario con debuxos dos distintos centros participantes e textos do longo poema do autor dos Ensayos poéticos en dialecto berciano. Entregáronse para cada centro a ninas e nninos autores das ilustraciois lotes de calendarios editados por Ediciois Positivas e tras unha alocución das autoridades educativas e políticas presentes o alumnado do Programa de Galego tivo ocasión de escuitar, aprender e divertirse con Música e Evolución concerto didáctico de Pablo Carpintero e Rosa Sánchez que desenvolveron sobre os Instrumentos, cantigas populares e a súa evolución. 






























SARMIENTO como pioneiro na recolleita da nosa tradición oral

Acto do Día das Letras 2025 no que cantaron As Tanxugueiras   En Galicia as mulleres non son soamente poetas senón músicas naturais. En Cast...